Thursday 16 de May de 2024

Juan Fariña pide a colaboración da Garda Civil para combater o vandalismo en espazos públicos de Bergondo


Alternativa dos Veciños manifesta a súa preocupación diante dos continuos ataques dos vándalos aos bens públicos, especialmente nos parques infantís de Fiobre e Cortiñán

Juan Fariña, concelleiro de infraestruturas, urbanismo e medio ambiente de Bergondo -e voceiro de Alternativa dos Veciños no noso municipio- ven de solicitar á Garda Civil a colaboración, tan necesaria, para tentar combater o vandalismo que se está a dar con intensidade en determinados espazos públicos do noso municipio. Especialmente nos parques infantís, e en maior medida nos de Fiobre e Cortiñán (a carón do centro social da parroquia). O concelleiro quere agradecer a comprensión e receptividade amosada por un responsable do instituto armado diante do problema e o compromiso amosado por este no sentido de tentar facer un seguimento e vixiar de preto o que está a suceder nestes lugares sinalados. “É preciso atallar o problema antes de que vaia a maís”, sinala Fariña.

Por outra banda, Fariña pide tamén a colaboración veciñal; “É importante que a cidadanía -por suposto sen expoñerse- notifique o que vexa, no momento que o estea vendo, neste caso, á Garda Civil, chamando ao número de teléfono 062. E tamén, aportando, se é posible, algunha información de utilidade sobre a identidade dos delincuentes que están atentando contra o que é de todos e contra o descanso e paz das persoas. Porque moito nos tememos que, en ambos os caos, os autores non son precisamente de lonxe”.